Visitas guiadas ao Torreón dos Andrade durante a Semana Santa

Visitas guiadas ao Torreón dos Andrade durante a Semana Santa

No marco das iniciativas turísticas relacionadas coa Semana Santa, dende o Concello poñemos en marcha un programa de visitas guiadas ao Centro de Interpretación do Torreón dos Andrade a partir do mércores 5 de abril.

A iniciativa desenvolverase ata o sábado 8 de abril e contará con tres visitas guiadas ao día: ás 12:00, ás 16:45 e ás 18:15.
O aforo máximo por grupo será de 10 persoas, co obxectivo de garantir a calidade e personalización das visitas e tamén para facilitar a visita das persoas que acceden ao centro de interpretación por libre ao mesmo tempo.

As persoas participantes poderán coñecer así a estrutura que presentaba o Torreón dos Andrade, como o calabozo, o corpo de garda, a porta da entrada desde a antiga muralla, a cociña, o comedor, o faladoiro, entre outras.
Ademais, farase especial fincapé na extraordinaria documentación existente, como os privilexios reais concedidos á vila por Xoan II e Enrique IV ou as actas fundacionais como a do Convento dos Agostiños.
Tamén se explicarán pezas existentes como vidreiras do mosteiro de San Xoán de Caaveiro, figuras do retablo da antiga igrexa do Convento dos Agostiños ou restos arquitectónicos do antigo Pazo dos Andrade.

Unha oportunidade única para achegarse á historia de Pontedeume e a da familia dos Andrade e coñecer tamén as litografías de Prieto Nespereira ou as maquetas realizadas por Juan Manuel Freire nas que destaca unha reprodución fidedigna da antiga ponte de pedra.

As inscricións poden realizarse na Oficina de Turismo sita no Torreón dos Andrade, no e-mail oficinaturismo@pontedeume.gal ou no teléfono 981430270 ata o momento da visita ou completar aforo.
O custo da entrada ao Centro de Interpretación dos Andrade é de 2 euros.