O Concello de Pontedeume organiza a terceira edición de ‘O Día da Árbore’ na área recreativa da ermida de San Miguel de Breamo.
Desde as 10 da mañá e ata as 13 horas os Centros de Educación Infantil e Primaria eumeses realizarán plantacións de nogueiras e cerdeiras en dito entorno, asesorados polo profesorado e alumnado das especialidades de “Conservación e mellora de montes” e “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” do Obradoiro de Emprego “ÁrtabroEmprende III”, que se está a a impartir no edificio de Foremdes.
Ademáis o alumando poderá desfrutar dunha visita guiada no interior da ermida de San Miguel de Breamo e coñecer máis de cerca a importancia do patrimonio histórico da vila.
Esta actividade ten como obxectivo concienciar sobre a importancia que teñen as árbores para a biodiversidade do planeta e a necesidade de protexer os bosques e superficies arboradas.
Todas estas iniciativas impulsan a posta en valor da contorna e a necesidade do coidado medioambiental, vertebrando un dos eixos principais dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e súmanse ao resto de actividades municipais do proxecto “Vilas en Flor” ao que pertence o Concello de Pontedeume.