O Concello de Pontedeume, en colaboración cos concellos de Miño e Cabanas, organizará un novo obradoiro de emprego, a cuarta edición do proxecto “Ártabro Emprende”.
Trátase dun programa mixto de emprego e formación que pretende mellorar a empregabilidade das persoas participantes, que prestarán servizos de interese xeral e obterán unha cualificación profesional que lles permitirá nun futuro a inserción laboral
O obradoiro consta de dous módulos, con 10 alumnos/as cada un e cunha duración de doce meses: ‘Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes’, e ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’.
Este obradoiro dual de emprego “Ártabro Emprende” está cofinanciado polo Goberno de Estado e pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta.
Recórdase que para poder optar ao futuro proceso de selección a esta iniciativa de formación as candidatas e candidatos deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia e que percibirán o 100% do salario mínimo interprofesional, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.