O Concello de Pontedeume convoca o XXXIII Concurso de Contos “Vila de Pontedeume”
A iniciativa, dirixida á xuventude, busca estimular a creación literaria.
O Concello de Pontedeume convoca o XXXIII Concurso de Contos “Vila de Pontedeume”, co obxectivo de promover a creación literaria en lingua galega entre a xuventude.
Poderán concorrer ao premio estudantes de 3º e 4º da E.S.O, bacharelato, ciclos de formación profesional básica e ciclos de formación de grao medio ou superior, cuxa idade non supere os 20 anos.
Os contos estarán en lingua galega e cada participante presenta unha única obra, cuxa extensión non será inferior a 6 páxinas nin superior a 8.
As obras presentaranse directamente ou ben poderán ser remitidas por correo certificado ao Rexistro Xeral do Concello de Pontedeume. Tamén se poderán presentar a través de correo electrónico a correo@pontedeume.gal. Nas bases do concurso recóllense as indicacións para entregar a documentación, así como os datos a incluír e outros detalles.
As obras poderán presentarse ata o vindeiro 20 de abril de 2023. O xurado escollerá entre todas as obras presentadas, o conto gañador, que recibirá un premio de 600 euros.
O premio entregarase o día das Letras Galegas, o 17 de maio de 2023.