O Concello de Pontedeume presenta a súa programación de cara ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro, no que recolle varias actividades baixo o lema “Que o medo non che impida ver outro futuro”.
A primeira das citas será xa o mércores 23, cando se inicia o taller ‘Encantada de Coñecerme’, que terá continuidade o día 30.
Entre as 10:00h e as 13:00 horas na Casa da Cultura levarase a cabo este obradoiro de autocoñecemento e saúde sexual para mulleres, organizado pola Área de Igualdade do Concello e a Federación de Planificación Familiar ‘Sedra’.
Os talleres son de balde pero o número de prazas para as sesións son limitadas, polo que todas as interesadas deben inscribirse antes do 23 de novembro no departamento de Servizos Sociais do Concello de Pontedeume ou a través do teléfono 981 433 288.
Este obradoiro está dirixido a crear un espazo de ensino e aprendizaxe sobre a sexualidade e a saúde sexual, en relación aos seus aspectos físicos, biolóxicos e sociais co obxectivo de aumentar os coñecementos das participantes en conexión coas súas propias vivencias e dar resposta ás súas inquietudes.
Os talleres suporán, ademais, un lugar de encontro que permita a posta en común de opinións e vivencias e, en moitas ocasións, a axuda mutua que redunda tanto na adquisición de habilidades por parte das mulleres, como na creación de redes de apoio.
O Concello de Pontedeume quere concienciar a toda a comunidade eumesa da necesidade de visibilizar a situación das mulleres na sociedade, denunciar as desigualdades entre mulleres e homes e fomentar a igualdade entre uns e outras nos ámbitos laborais, culturais, deportivos ou familiares, entre outros, polo que a programación de cara a este 25N inclúe tamén o Programa ‘De Fronte á Violencia de Xénero’, impulsado dende a área de igualdade da Deputación da Coruña.
Nesta edición as accións a desenvolver dirixiranse a centros educativos para involucrar á comunidade de profesores, alumnos e familia na responsabilidade de acadar un entorno dixital seguro e igualitario.
A programación terá como acto central a concentración do venres día 25. A partir das 12:00h, a Praza Real de Pontedeume acollerá a lectura do manifesto institucional de denuncia e repulsa contra a violencia de xénero.