Paseo marítimo e peirao

Home / Descobre Pontedeume / Paseo marítimo e peirao

Paseo marítimo. Entorno natural e de ocio de Pontedeume

pantalan_paseo_maritimo

Foi inaugurado no ano 1996, ocupando a ribeira da ría entre a ponte de pedra ata case o da autoestrada. Foi ampliado en anos posteriores cos tramos do río Covés e o que transcorre paralelo á autoestrada. Ideal para camiñar, correr ou andar en bicicleta, permite contemplar nalgúns dos seus tramos excelentes vistas de Pontedeume. É un dos principais espazos de lecer da vila, e conta con parque infantil, embarcadoiro e rampla en diferentes puntos.

parque_infantil_paseo_martimo2

Desde o ano 2017 o Paseo Marítimo conta cun novo parque infantil nun dos seus espazos máis privilexiados e asollados, xunto á piscina municipal e con boas vistas á ría. O parque ten iluminación e conta con diversas atraccións para o divertimento de nenas e nenos, así como máquinas para realizar exercicio ao ar libre.

En Pontedeume lévase a cabo marisqueo no estuario de xeito tradicional, respectando o medio natural. Empréganse ferramentas como sachos, rastros e raños, pois a extracción mecanizada non está permitida. Os mariscadores e mariscadoras realizan tarefas de extracción maioritariamente con marea baixa. Unha vez recollido o marisco, lévase á lonxa para o seu control, separación por tamaño (os máis pequenos serán devoltos ao estuario) e posterior venda.

Extráense as seguintes especies: ameixa fina, ameixa babosa, ameixa  xaponesa, berberecho e ostras.

A técnica de marisqueo consiste no lanzamento do varal dende a lancha, apoiándoo no ombreiro izándose e lavándose, recollendo os da talla comercial da malla.

Moitas aves non residen aquí durante todo o ano, senón que migran nalgunhas estacións. As aves invernizas pasan aquí o inverno escapando das hostilidades climáticas do norte de Europa.

Podemos atopar as seguintes:

Picapeixe: Esta pequena ave de cores chamativas ten un voo moi rápido, poderala ver pasar rapidamente coma un escintileo azul.  Mergúllanse para pescar pequenos peixes, cágados e insectos.

Garza real: Esta maxestuosa ave é moi común no inverno. Aliméntase de peixes, rás e cangrexos.

Garzota: aliméntase de pequenos peixes, anfibios e crustáceos camiñando polas beiras con lodos e removendo o limo das patas para sacalos dos seus agochos.

Lavanco: Parrulo común que verás todo o ano en diferentes tipos de masas de auga.

Cormorán grande: Ave que mergulla en busca de peixes e que logo se pousa  nas rochas coas ás extendidas para secar a súa plumaxe.

Gabita: Atópanse en estuarios e praias de amplo  intermareal remexendo na area na procura de bivalvos e outros invertebrados.