Fragas do Eume

Home / Descobre Pontedeume / Fragas do Eume

Fragas do Eume. Patrimonio natural de Galicia

As Fragas do Eume son un lugar extraordinario. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo do continente. Albergan numerosas especies animais e vexetais ameazadas, algunhas relictas, así como os ecos dunha extraordinaria historia que toma singular brío na época medieval.

O Parque Natural Fragas do Eume, declarado polo Goberno autónomo en 1997, esténdese por 9.125 hectáreas de ladeiras e montes que acompañan o río Eume ao seu paso pola provincia da Coruña.
Todo o seu territorio encádrase na comarca do Eume, que limita ao norte coa de Ferrolterra e ao sur coa das Mariñas Coruñesas.

rio

O río Eume é o verdadeiro eixe do parque natural. As súas augas axudaron de forma definitiva a cicelar o canón e nas súas ribeiras medraron os bosques.
O berce do río son os cumios da Serra do Xistral, en Lugo, con máis de 1.000 m de altitude. Un sinuoso percorrido por entre solitarias montañas condúceo ata o próspero val industrial de As Pontes de García Rodríguez e os encoros da Ribeira (cunha capacidade de 33 millóns de m3 de auga) e do Eume (123 millóns). Entón descólgase en caída libre sobre o profundo canón que tamén leva o seu nome, atravesa o val que el mesmo escavou para as fragas e termina entregándose ao mar, 80 km despois do seu nacemento, na ría de Pontedeume.

flora

As fragas son as selvas galegas. Se a rentes do chan son os fieitos, brións e pequenas flores os protagonistas, a uns metros de altura sono as pólas, formando unha maraña na que se desenvolve unha vida especial, rodeada de follas de diferentes formas, flores ás veces case indistinguibles e froitos de todo tipo.
Son tamén as pólas as que, ao estendérense buscando a luz, ofrecen acubillo e sombra no interior do bosque. A árbore dominante nas Fragas do Eume é o carballo. Outras especies aparecen de forma máis illada, pero contribúen de maneira
fundamental á diversidade natural do bosque, como os érbedos, os castiñeiros, os ameneiros, os salgueiros, os olmos e os budueiros.

fauna

Miles de criaturas de case todas as formas e tamaños imaxinables inician a súa frenética actividade cotiá.
Nas fragas do Eume mantéñense prósperas poboacións dalgunhas especies seriamente ameazadas a escala global.
Está catalogada a presenza de 15 especies de anfibios, 14 especies de reptís, 8 especies de peces, 103 especies de aves e 1 de mamíferos. A inmensa maioría delas son diminutas, pero extraordinariamente numerosas. Os animais de maior tamaño son máis escasos.

Patrimonio cultural nas Fragas do Eume

Caaveiro

Monasterio de Caaveiro

Situado no corazón das fragas, nun promontorio sobre o río Eume, este mosteiro foi fundado no s. IX na daquela vila de Calavario, de aí o seu nome. A súa historia é a das propias fragas: vinculado ás familias de Traba e Andrade, a súa xurisdicción chegou a abarcar unha grande extensión, ocupando desde o século XIII parte dos actuais concellos de As Pontes, A Capela, Cabanas e Monfero.
Despois dunha complexa Idade Moderna, a crise chegou no s. XIX e, con motivo da desamortización, en 1849 sae a poxa. Foi adquirido por un particular que acometeu a súa restauración. En 1971 foi declarado conxunto histórico-artístico e en 1975 monumento de interese provincial. En 1986 aprobouse o expediente de expropiación que converteu o mosteiro e os seus arredores en propiedade da Deputación da Coruña. Actualmente está restaurado e pode ser visitado.

Monfero

Monasterio de Monfero

Este mosteiro foi fundado en 1134 baixo a regra de San Bieito, acoutado por vez primeira por Afonso VII e reconvertido en cisterciense en 1147. A súa vida monástica prolongouse ata a exclaustración de 1835 e un breve intento posterior. É un bo exemplo do grande desenvolvemento arquitectónico que acadaron os mosteiros cistercienses na Idade Moderna, ampliándose a súa comunidade ata os 43 membros en 1795.
Posúe unha igrexa barroca comezada a construír en 1622 e tres claustros: o das Procesións, realizado segundo un proxecto de Juan de Herrera e rematado antes de 1575; o da Hospedería, do que só se realiza un lado no tempo de Frei Ruperto Martínez (1803-1807), e o Oriental, ampliado progresivamente ao longo dos séculos XVII-XVIII. Os restos románicos limítanse a unha parte do muro meridional da igrexa, e de época medieval son tamén as esculturas funerarias e a pía da auga bendita.

O mosteiro foi declarado monumento histórico-artístico en 1931, e contou con obras de limpeza e consolidación hai uns anos. A igrexa é a parte mellor conservada.

Trípticos e guías das Fragas do Eume