Camiño de Santiago e Porto Xacobeo
O Camiño Inglés no Concello de Pontedeume
Nos séculos pasados, a ponte de pedra e o seu hospital constituíron o punto de referencia do Camiño ao seu paso por Pontedeume. Na actualidade, o peregrino segue a pasar por esta ponte e conta tamén con albergue na zona do peirao.
O Camiño transcorre por rúas empedradas con soportais, atravesando o casco histórico de orixe medieval.
Vai polo antigo Camiño Real, preto dos principais monumentos históricos e especialmente da igrexa parroquial de Santiago, presidida pola estatua do Apóstolo Santiago sedente, do século XIV. Abandona o antigo núcleo urbano pola praza de San Roque para ascender polas faldras do monte Breamo (con ermida románica) ata alcanzar unha zona máis rural, deixando atrás o termo municipal para entrar no veciño concello de Miño.
En Neda a etapa pasa polo Camiño do Paraíso, onde se atopa a Casa do Concello, lugar onde houbo un antigo hospital de peregrinos. Trala igrexa gótica de San Nicolás segue un tramo de ámbito semiurbano ata chegar ao núcleo de Fene. Desde aquí, seguirase o antigo Camiño Real ata o concello de Cabanas, no que se pasa o seu antigo núcleo contemplando unha fermosa panorámica sobre a ría e vila de Pontedeume. Despois de atravesar a actual ponte de pedra chégase a Pontedeume, onde no peirao agardan o albergue e o merecido descanso.
Etapa de pouca dificultade técnica, con fontes e servizos especialmente nos núcleos de Fene, Cabanas e Pontedeume.
Etapa Pontedeume-Betanzos
O Camiño deixa Pontedeume despois de ascender polas faldras do monte Breamo. No concello de Miño, o Camiño Real sobre a ponte medieval do río Baxoi levaranos por unhas marismas ata o núcleo urbano. Chegaremos pouco despois á Ponte do Porco, lendaria ponte medieval, para entrar no concello de Paderne, coa igrexa románica de San Pantaleón das Viñas ou o lugar de Guende, onde houbo hospital. No concello de Betanzos veremos a igrexa románica de San Martiño de Tiobre e o santuario da Nosa Señora dos Remedios, onde houbo hospital, antes de chegar ao núcleo urbano de Betanzos atravesando a ponte vella.
Etapa de pouca dificultade técnica, con fontes e servizos especialmente nos núcleos de Miño e Betanzos, ámbolos dous con albergue público.
Albergue de Pontedeume
corazón do camiño inglés
Edificio histórico
Situado no peirao, no edificio dos antigos almacéns de Rajoy, construídos en 1763 para os mariñeiros. O seu arrendo foi vinculado ao sostemento de dúas escolas e o pago dos mestres.
Liteiras e aseo
Conta con dúas plantas e 20 camas, en literas.
Dúas duchas e espazo para secar a roupa.
Horario
Todos os días
11:30 a 14:00 / 16:30 a 20:00
Inscrición na Oficina de Turismo (Torreón dos Andrade)
Teléfonos
981 430 270
Porto Xacobeo
A vila de Pontedeume contou con actividade portuaria desde o mesmo momento da súa fundación en 1270, e seguramente tamén desde antes. En principio foi a ponte a que cumpría a función de embarcadoiro; desde comezos do século XVII xa existía un peirao. A actividade comercial foi intensa, destacando o papel de embarcacións inglesas nas que chegaban peregrinos, tal e como o facían no principal porto da zona, A Coruña. Posteriores reformas nos séculos XIX e XX foron modificando o aspecto e funcionalidade do porto, ata a última do ano 2006 que lle conferiu practicamente o seu aspecto actual.