Descobre Pontedeume
Historia de Pontedeume
A vila medieval de Pontedeume foi fundada por Afonso X en 1270 xunto a unha ponte de madeira, posteriormente de pedra. Hoxe conxuga río, mar e montaña para ofrecer toda a súa beleza, contando cun salientable atractivo natural, histórico e patrimonial e numerosos locais de hostalaría, aloxamento e comercio.
Festas
As festas patronais, do 7 ao 11 de setembro, son as Festas das Peras en honra da Virxe das Virtudes e de San Nicolás de Tolentino. O concurso de froitas do día 9 permite degustar diferentes froitos do país.
Patrimonio
Camiño de Santiago
Pontedeume conta cunha historia estreitamente vinculada co Camiño de Santiago. A documentación xa confirma o paso de peregrinos antes da fundación da vila, a través da ponte de madeira. A construción no século XIV da ponte gótica de pedra e do seu hospital, por Fernán Pérez de Andrade, significou un impulso para a ruta xacobea, á que se incoporaban tamén peregrinos chegados por mar.
Fragas do Eume
O Parque Natural das Fragas do Eume, cunha superficie de 9.125 ha., comprende un abrupto val de orixe tectónico, con frecuentes valgadas e gargantas, de cubertas arbóreas que hoxe representan un dos bosques climáticos máis extensos de Galicia. Este espacio forma parte da cunca do río Eume, podéndose definir a gran maioría do seu terreo como de media montaña, e caracterizándose a súa paisaxe por unha forte antropización.
O seu espacio atópase localizado entre os concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes, pertencentes á provincia de A Coruña.
Oficina de Turismo
A oficina de turismo atópase no Torreón dos Andrade. Presta servizo habitualmente de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30. Na tempada de verán o seu horario amplíase de 11 a 14 e de 17 a 20:30.
Cultura e patrimonio
Pasado vivo, esplendor do presente; piar do noso futuro
Pontedeume conta cunha intensa vida cultural, impulsada por entidades como a Biblioteca pública “Ramiro Fonte” ou as asociacións deportivas, culturais e veciñais.
É tamén unha boa mostra da riqueza patrimonial de Galicia, con patrimonio material e inmaterial, etnográfico, gastronómico ou natural e paisaxístico.
O concello conta con restos do máis remoto pasado (mámoas, castros e mesmo unha vila romana), patrimonio civil e relixioso da Idade Media e Moderna, e patrimonio arquitectónico do século XX, como a ponte do ferrocarril.
Ademais, son numerosas as festividades, tradicións ou lendas asociadas á vila, podendo destacar algunhas das festividades tradicionais con singularidade, como a dos “Maios”
En canto ao patrimonio etnográfico e gastronómico, pódese atopar un bo número de hórreos, fontes, lavadoiros e muíños, nos cales se eleboraban algúns dos principais ingredientes da nosa cociña.
Xunto con isto, Pontedeume destaca como punto de entrada ao Parque Natural das Fragas do Eume, un dos principais bosques atlánticos de Europa.