O Concello de Pontedeume, en colaboración coa AVPC de Protección Civil, activa unha campaña de recollida de materiais de primeira necesidade para a poboación de Ucraína.
A campaña estará operativa dende o mércores, 9 de marzo de 2022. As doazóns poderán realizarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 11:00, sábados de 10:00 a 12:00 e domingos de 11:00 a 13:00 nos almacéns de Rajoy.
Concretamente, solicítanse doazóns de material de produtos de aseo, como xel de baño, champú, produtos de hixiene dental, desodorizante, así como produtos de hixiene feminina, como tampóns e compresas. Tamén son necesarios produtos para bebés, como cueiros ou toalliñas.
Respecto dos alimentos necesarios, precísanse latas de conservas, leite en po e leite para bebés.
Tamén se precisa material sanitario, como tesoiras, luvas, vendas, gasas, mantas térmicas, parches antiqueimaduras, alcol, auga osixenada, antisépticos, entre outros produtos.
No caso daquelas persoas que prefiran realizar unha aportación económica, o Concello de Pontedeume recomenda efectualas a través das ONG’s presentes no terreo. A Secretaría de Estado de Cooperación Internacional informa sobre as seguintes: ACNUR, Cruz Vermella, Coordinadora Española de ONGD e a Oficina de Coordinación para asuntos humanitarios das Nacións Unidas.
Dende o Concello de Pontedeume, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía e a súa solidariedade co pobo ucraíno.